sábado, 12 de abril de 2014

Fábulas - Esopo




Nestas Fábulas de Esopo destaca a fermosa tradución feita por Teresa Barro e, por suposto, a sabedoría asociada ás fábulas.

Tal e como nos comenta Teresa Barro na introdución:
"Nas fábulas hai ética e pedagoxía. O que non hai é didáctica moralizadora. Axudan a formar o sentido ético porque ensinan a ver a realidade e a distinguir, pero non dan receitas nen fórmulas simplistas".
E é que, certamente, a realidade é complexa e simplificar é falsear. Teresa Barro tamén comenta que:
"As moralexas que lle chantaron semellan ser un invento do cristianismo para entoldar a 'inmoralidade' destes contos onde non sempre é doado saber quen ten razón e quen non a ten, e onde os que máis saen castigados son os que non se saben defender e andan de papainas polo mundo adiante. ... O que hai nas fábulas é información sobre a vida e a natureza humanas".

Velaquí tedes dous deses anaquiños de sabedoría. Un que ten que ver con predicar co exemplo:
"Unha caranguexa andaba leccionando ao fillo para que non camiñara ladeiro e non encostara nas rocas. O caranguexiño daquela díxolle:
-Se queres que eu aprenda, camiña ti dereita e así teño a quen imitar."

E este outro, que ten que ver co necesario equilibrio entre a esperanza e a acción:
"Unha gralla esfameada pousou nunha figueira e, como os figos estaban aínda verdes, resolveu quedar alí sen remexer e agardar a que sazoasen. Un raposo que a viu alí chantada quixo saber o que facía, e cando a outra llo contou, o raposo faloulle así:
-Éche un desacerto consentir que a esperanza ocupe a atención toda. A esperanza vaite enganar sempre e non vas encher o bandullo con ela. "

A tradución, como xa comentei, é moi fermosa e está chea de vocabulario enxebre: aduanada, aganchar, asopapar, atorar, desa feita (nesa ocasión), dilingueiro, embarruzar, engulipar, enveredar, eslangreado, esmacelar, espapallar, estamburilar, forragaitas, foupeiro, galloufar, lambespiñas, pipiretada, pirulé, rebenar, runfar, turuleque, zoupeiro ...
E dunha rica fraseoloxía: a barullo, amigo de pechar o carto, amolar o pataco, andar coa matinela de, andar coa mesma leria, andar coa turra de, a piques, a pouco máis, chamar aos pés compañeiros, dar sebo ás canelas, mallar en ferro frío, polo si ou polo non, ter conta, tocar o zoco, vento tumbaloureiro, zocar os calcañares ...

Á parte, eu destacaría:
-o uso de o conto como equivalente a "o que aconteceu" con verbos como contar/entender ... : contoulle o conto / [díxolle] que entendera ben o conto ... (pax. 26, 31, 46)
-o uso de oito días para referirse a unha semana: de hoxe en oito días (pax. 19)
-a ponderación do verbo utilizando a construción o que: ¡Que sei eu o que alí falou para os convencer!) (pax. 22)

Sem comentários:

Enviar um comentário