sexta-feira, 7 de fevereiro de 2014

O principiño




-Bos días -dixo o principiño.
-Bos días -dixo o comerciante.
Era un comerciante de píldoras perfeccionadas que quitan a sede. Engúlese unha por semana e vanse as ganas de beber.
-Por que vendes iso? -preguntou o principiño.
-Porque con isto afórrase moito tempo. Os expertos fixeron cálculos e afórranse cincuenta e tres minutos á semana.
-E que se fai con eses cincuenta e tres minutos?
-Cada un fai deles o que quere...
"Eu -pensou o principiño- se tivese cincuenta e tres minutos, camiñaría paseniño cara a unha fonte..."

O esencial é invisible aos ollos, iso é o que lle di o raposo ao principiño. O esencial está detrás do que vemos, do que escoitamos, do que percibimos. O principiño fálanos dos personaxes que foi coñecendo: o rei, o vaidoso, o borracho, o que acende e apaga os farois, o home de negocios... Hainos fachendosos, hainos obsesionados polo traballo, hainos obsesionados polo poder... 


Iso é o que vemos, a "parte de fóra". E o esencial? Pois para encontrar o esencial teriamos que conseguir meternos na alma desas persoas: saber por que chegaron a ser como son, saber por que se comportan desa maneira.

E por que non? Se cadra algún deles cambia (aínda que só sexa un pouquechiño), e en caso de que sexa así, seguramente será porque o principiño, coas súas preguntas, axudoulles a percibir a realidade doutra maneira, a enriquecer os seus mundos. 

 

A maxia dos libros (a maxia deste libro) é que, en realidade, o principiño estivo con todos eles pero tamén estivo connosco, para axudarnos a coñecernos mellor e a coñecer mellor o mundo, para axudarnos a descubrir o esencial. 


 (A tradución d' O principiño, de Antoine de Saint-Exupèry é de Carlos Casares)