segunda-feira, 14 de outubro de 2013

Crime e castigo





Tal como se comenta nun artigo de El País, un estudo publicado o 3 de outubro de 2013 na revista Science afirma que "ler fición literaria recluta as áreas cerebrais implicadas na emoción social: as que distinguen un sorriso sincero dun falso, detectan se alguén se sente incómodo ou evalúan as necesidades emocionais de familiares e amigos. A fición popular (como as novelas de espías ou de amor e luxo) non o fai, e o andel de non fición tampouco non o consegue". Por outra parte, segue afirmando ese artigo, as lecturas literarias "tamén son únicas no sentido de que estimulan a teoría da mente, a facultade de poñerse na pel do outro".

Que mellor exemplo diso que Crime e castigo, de Fiódor Dostoievski?

É esta unha obra cunha enorme profundidade psicolóxica. Nela encontramos o egoísmo, a xenerosidade, a falsidade, a astucia, a bondade, o sacrificio polos demais, a febleza de carácter, os tormentos e delirios producidos por un estado anímico moi alterado, a culpa...
Raskólnikov, Marmeládov, Razumighin, Dunia, Katerina Ivánovna, Sonia, Luzhin, Porfiri Petróvich, Svidrigáilov... Estes personaxes e os outros que van aparecendo na historia, axúdannos sen dúbida a coñecernos máis a nós mesmos e a coñecer mellor aos demais.

A tradución é moi fermosa, rica en léxico: rocho, cambariña, escapulir, calaceiro, castañolar, alpeirar, engraxumado, fiteiro, empanicar, encuruxar, recovaxe, ripar, enviso, bourar, encunicarse, acorar, tordear, desgairado, trouxa, cureño, reiporco, adramán, xenegar, alporear, enguetar, tinguilear, acazapar, rauto, zanfonear, tresvarío, brutamontes, anicar, caloteiro, afalagar, anullado, capelexar, delongar, abouxar, desbaldir...

Tamén é de destacar a fraseoloxía: torcer o fociño, ás furtadelas, a furto, a barullo, facer pola vida, [chover] a cimbraceos, a vagabán, a ceacú, de vez, dálle que dálle, andar nas falas, ás carreiras, a treu, botar de contas, tremer coma unha vara verde, seco [fraco] coma un garabullo, tece que tece, facer [de alguén] un pandeiro, [rabioso] coma un can danado, [qué/non...] nin farrapos de gaita, custar ferro e fariña, berrar a todo berrar, [e eu/ti/...] veña e dálle, facer [algo] a torto e a dereito, cara lavada, xa choveu!, coma quen que, [correr] de cacho para cribo, mollar a palleta, [vociferar] uns polo nordés outros polo soán, chorar os sete chorares...

(A tradución para o galego é de Ekaterina Guerbek, revisada por María Dolores Torres París)

Sem comentários:

Enviar um comentário