terça-feira, 5 de junho de 2012

A metamorfose


García Márquez comentou que o día que leu A metamorfose, tivo unha especie de shock, unha forte impresión porque, segundo as súas palabras, "descubriu que tamén se podía escribir así". "Escribir así" é utilizar elementos que forman parte da fantasía e a irrealidade para describir, cunha especial intensidade, un feito real.

Eses elementos de irrealidade utilizounos García Márquez nas súas obras, nomeadamente en Cien años de soledad, e ese elemento de irrealidade marca A metamorfose xa dende a primeira liña, cando se nos di:
"Unha mañá, ao espertar dun soño desacougante, Gregor Samsa achouse no seu leito transformado nun insecto monstruoso".

A pregunta é: por que Kafka decide contarnos así, desta maneira, a historia deste viaxante, a súa relación coa familia, co seu traballo e co seu entorno? Por que un insecto?
Sabémolo máis adiante, cando nos decatamos de que a sensación física de estar atrapado nun corpo estraño e incómodo correspóndese totalmente coa experiencia vital de Gregor Samsa, que está "atrapado" polo tipo de relacións que estableceu cos demais e pola maneira de enfrontarse (ou máis ben de non enfrontarse) á súa vida. Está "atrapado" nunha situación que non lle permite desenvolverse como persoa. Vive para os demais pero esqueceuse de vivir para si mesmo. 
 
(A tradución é de Xosé M. García Álvarez)