segunda-feira, 30 de abril de 2012

A perla

Dicía Stendhal que a novela é como un espello ao longo do camiño. O camiño é a vida, e o espello reflíctea, axúdanos a vela, a comprendela.  
Pero a vida, en realidade, son moitos camiños, tantos como persoas, tantos como épocas, tantos como clases sociais... 
Acaso é o mesmo falar da vida da burguesía no París da época postnapoleónica que falar da vida dun servo na época dos zares? 
Acaso é o mesmo falar dunha persoa que ten a vida económicamente solucionada que falar dunha persoa que ten que uñar todos os días para saír avante? 

Un dos temas recurrentes en Steinbeck (o seu espello) é o de reparar no mundo dos perdedores, dos que viven nunha situación inxusta, explotados e con poucas ou nulas posibilidades de defenderse e de conseguir xustiza. Vémolo na súa novela As uvas da ira e vémolo tamén n'A perla, unha parábola que mostra a indefensión dos desherdados e o perigo ao que se enfrontan cando queren cambiar o "statu quo" e defender os seus dereitos. Juana dille a Kino: "Esa cousa é mala. Esa perla é coma un pecado! Hanos destruir", pero non, o perigo non está na perla (aínda que sexa a Perla do Mundo), o perigo está na cobiza da xente diposta ao que sexa por facérense ricos. 
 
O léxico utilizado na tradución é especialmente rico: abesullar, acanear, acoleirar, acurrunchar, aneneirar, anicar, arquexar, arrotar [xente], arxe, atordoar, atroar, barbarote, barrelo, canellón, carrancho, cascarexar, chaelo, comiscar, cordal [de pedra], embelecar, emborcallar, empeña, encarapetar, engarabitar, enrodelar, entalar, esmoroarse, espadoado, espurrar, estarricar, [ollos] estartelados, estear, esvasallar, fardelo, farfallar, [cara] fazada, folguexar, foz, golsar, gorgolexar, larpuzar, luir, mancho, mioqueiro, morariz, patelo, [camiño] pino, puír, rea, rebeirar, recullo, relleira, retrincar [nos dentes], sebeiro, xostregar.

Tamén contén expresións moi interesantes: a man xorda, darlle a alma, na forza do día, [era xa tarde] pola fuga do día, quedar [unha perna/man] sen rixo, [iso era unha maldade] que non tiña máis para onde, volverlle os sentidos.
 
(A tradución é de Benigno Fernández Salgado)

Sem comentários:

Enviar um comentário