sexta-feira, 27 de abril de 2012

Balzac, por Somerset Maugham

Honoré de Balzac, Tours, 1799 - París, 1850

Balzac non escribiu unha novela que tivese a grandeza épica de Guerra e Paz, a forza sombría e estarrecedora d’Os irmáns Karamazov ou o encanto e a distinción de Orgullo e prexuízo: a súa grandeza non está baseada nunha soa obra, senón no formidable volume da súa produción. 
 
O seu terreo era o conxunto da vida da súa época, e o seu radio de acción chegaba ata as fronteiras do seu país. O seu coñecemento dos homes, á marxe de como o adquirise, resultaba excepcional, aínda que nalgúns aspectos fose menos exacto ca noutros; describiu de maneira máis convincente á clase media –médicos, avogados, empregados e xornalistas, tendeiros e cregos rurais- que á sociedade de moda, o mundo dos obreiros urbanos ou o dos labregos. Como todos os novelistas, escribiu con mellores resultados dos malos ca dos bos. A súa inventiva era formidable, o seu poder de creación, extraordinario. Semellaba unha forza da natureza, un río embravecido que sae do seu leito e arrastra todo canto encontra no seu camiño, ou un furacán que cruza ruxindo con furia as tranquilas paraxes campestres e as rúas de populosas cidades. 
 
Como pintor da sociedade, a característica que o distinguía era imaxinar os homes non xa nas relacións que establecen entre si –todos os novelistas, non sendo os autores de relatos de aventuras puras e simples, fano-, senón tamén, e sobre todo, nas súas relacións co mundo en que viven. A meirande parte dos novelistas toman un grupo de persoas, ás veces non máis de dúas ou tres, e trátanas coma se vivisen baixo unha urna de vidro. Deste modo en moitos casos conséguese maior intensidade, pero ao mesmo tempo, e lamentablemente, tamén maior afectación. A xente non vive soamente a súa propia vida, senón que tamén vive as vidas doutras persoas: nas súas, representan papeis protagonistas, e nas dos demais, papeis que ás veces teñen a súa importancia, pero que case sempre son insignificantes. Cando imos á perruquería para que nos corten o pelo, para nós non significa nada, aínda que por culpa dun comentario intrascendente pola nosa parte, esa visita pode ser un punto de inflexión na vida do perruqueiro. Balzac comprendeu todo o que iso significa, e desa maneira puido plasmar de maneira vívida e apaixonante a diversidade da vida, as súas confusións e desencontros, así como remontarse ás causas que producen efectos importantes. Creo que foi o primeiro novelista que fixo fincapé na importancia primordial da economía na vida de todas as persoas. Non lle tería parecido esaxerado afirmar que os cartos son a raíz de todos os males; pensaba que o desexo de conseguir cartos, a sede de cartos, era o móbil primeiro das accións humanas. 

Non hai que esquecer que Balzac era un escritor romántico. O romanticismo foi, como sabemos, unha reacción contra o clasicismo, pero hoxe é máis oportuno compararlo co realismo. O escritor realista é determinista, e nas súas narracións aspira a unha verosimilitude lóxica. A súa observación é naturalista. Para o romántico, a vida cotián é monótona e banal, e trata de fuxir do mundo real cara a un mundo de imaxinación. Busca o estraño e a aventura, desexa sorprender, e non lle importa se non pode facelo máis que á conta da probabilidade. Os personaxes que inventa son exaltados e descomedidos. Os seus apetitos non coñecen trabas. Desprecian o dominio de si mesmo, pois considérano a insustancial virtude do burgués. Aproban con todo o seu ser o pensamento de Pascal: “O corazón ten razóns que a razón non coñece”. Admiran a aqueles dispostos a sacrificalo todo e que non se deteñen ante nada para alcanzar a riqueza e o poder. Esta actitude fronte á vida víñalle que nin pintada ao carácter desbordante de Balzac; non é esaxerado afirmar que se o romanticismo non existise, el inventaríao. A súa observación era minuciosa e precisa, pero usábaa como base para as invencións da súa fantástica imaxinación. A idea de que cada home ten unha paixón dominante adecuábase ao seu instinto. É esta unha noción que sempre atraeu aos escritores de obras de ficción, pois lles permite inculcar forza dramática aos seres da súa invención; estes resaltan con nitidez, e o lector, a quen o único que se lle pide é que saiba que son avaros ou libidinosos, arpías ou santos, compréndeos sen esforzo. Hoxe, debido en gran medida ás obras dos novelistas que tentaron que nos interesemos pola psicoloxía dos seus personaxes, non cremos xa que todos os homes estean cortados polo mesmo patrón. Sabemos que están compostos de elementos contraditorios e en apariencia irreconciliables; son precisamente esas discordancias que hai neles as que os intriga e, como as sabemos en nós mesmos, espertan a nosa simpatía. Os personaxes máis logrados de Balzac están formados segundo o modelo daqueles escritores antigos que facían partícipes do seu estado de ánimo a todos os homes. A súa paixón dominante absórbeos sen deixar espazo para as demais. Son unha pura tendencia personificada, pero preséntanse cunha forza, unha solidez e unha nitidez tan marabillosas que, aínda que non poidamos crer totalmente neles, non é posible esquecelos.

Sem comentários:

Enviar um comentário