terça-feira, 21 de fevereiro de 2012

A casa da bufarda



"Seu pai era un home despótico, colérico, de humor cambiante e dunha sórdida avaricia ... A nai era unha muller sumisa, resignada e apática, exhausta polos embarazos tan seguidos, consumida polas preocupacións". Así é como Natalia Ginzburg se refire ao pai e á nai de Chékhov, dos que tamén nos di que aparecen con frecuencia nos seus contos; neles encontramos o humor despótico e colérico de un e a apática resignación da outra.
En Miñaxoia, o primeiro conto d'A casa da bufarda, é fácil recoñecer á figura materna no personaxe da institutriz, unha muller que, dominada polo medo, non é quen de defender mínimamente os seus intereses, ata tal punto que o dono da casa llo reprocha con estas palabras: "Pero dígame, ¿é posible ser así de chaíñas? ¿Por que non protesta vostede? ¿Por que cala? ¿Seica non é necesario saber amosar os dentes para seguir vivindo neste mundo? ¿É posible ser un miñaxoia nesta vida?"
En 1902, Chékhov, xa moi delicado de saúde e fuxindo da calor de Crimea, acepta unha invitación do rico mecenas Savva Morózov para ir descansar a unha finca deste, en Permo, nos Urais. Alí tamén estaba un estudante que foi quen recolleu as seguintes palabras de Chékhov:
"Di vostede que chorou nas miñas obras ... Non é para iso que as escribín. Fíxeno para lle dicir á xente soamente unha cousa: "Mirádevos ben e reparade na vida inútil e triste que levades". O máis importante é que a xente se dea de conta disto. E cando o entendan, seguro que han construir outra vida, unha vida mellor ... Eu non o hei ver, pero seino, ha ser unha vida completamente nova ... "
E iso é o que habedes poder encontrar nos seus relatos e en concreto nos que aparecen neste libro. N'A dama do cuzo, Gúrov e Anna, dúas persoas que levan unha vida infeliz e que buscan encher ese baleiro en encontros secretos, hai un momento en que Anna, falando con Gúrov, di: "Ten que existir unha vida distinta". É dende a fraxilidade e as incertezas asociadas a esa busca como ambos os dous intentan construir esa nova vida.
Navokov, nas súas Lectures on Russian Literature, deixounos estas iluminadoras palabras sobre o que representa a figura de Chékhov:
"Eu recomendo vivamente coller cantas veces sexa posible os libros de Chékhov e lelos como se deben ler, soñando a través deles. Nunha época de robustos Goliats, vén moi ben ler cousas sobre Davides delicados".
E Raymond Carver, que dixo que os contos de Chékhov son tan marabillosos (e necesarios) como cando apareceron por primeira vez, comentou o seguinte:
"Calquera que lea literatura, calquera que crea, como hai que facer, no poder transcendente da arte, tarde ou cedo ten que ler a Chékhov".
(A tradución é de Borís Narúmov)