quinta-feira, 26 de janeiro de 2012

O vello e o mar



Era un vello que pescaba soio nunha gamela no Gulf Stream e había oitenta e catro días que non collía un peixe. Nos primeiros corenta días tivera con el un rapaz. Pero despois de corenta días sen ter pescado, os pais do rapaz tíñanlle dito que o vello estaba definitiva e rematadamente salao, o cal era o pior xeito de mala sorte, e por mandado de seus pais o rapaz saíra noutra gamela que colleu tres bos peixes a primeira semá. Atristuraba ao rapaz ver ao vello voltar tódolos días coa súa gamela valdeira, e sempre baixaba a axudarlle a cangar os rolos de liña ou o gancho e o arpón e mais a vela enrolada ao mastro. A vela estaba remendada con sacos de fariña i, enrolada, semellaba unha bandeira en permanente desfeita.
O vello era fraco e loubán, con enrugas profundas na parte posterior do pescozo. Os teixos lixos do benigno cáncer da pel que o sol produz cos seus reflexos no mar tropical estaban nas súas meixelas. Estas pencas corrían polas veiras da súa cara até dabondo abaixo e as súas maos tiñan as fondas cicatrices que causa a manipulación das cordas cando suxeitan os grandes peixes. Mais nengunha desas cicatrices era recente. Eran tan vellas coma as erosións dun árido deserto.
Todo nel era vello, non sendo os ollos; i estes tiñan a cor mesma do mar i eran ledos e invictos.
-Santiago -díxolle o rapaz agabeando pola ourela dende onde ficaba varada a gamela-. Eu podería volver con vostede. Temos feito algúns cartos.
O vello deprendéra-lle ao rapaz a pescar e o rapaz tíña-lle agarimo.
-Non -dixo o vello-. Ti saes nunha gamela que ten boa sorte. Segue con eles.
-Pero lembre que unha vez levaba oitenta e sete días sen pescar nada e logo collimos peixes grandes tódolos días durante tres semás.
-Lémbrome -dixo o vello-. I eu sei que non me deixaches porque tiveras perdido a esperanza.
-Foi meu pai quen me obrigou. Son un rapaciño e teño que lle obedecer.
-Seino -dixo o vello-. É completamente normal.
-Meu pai non ten moita fe.
-Xa. Pero nós témola, non si?
-Claro -dixo o rapaz-. ¿Permíte-me invitalo a unha cervexa na terraza? Despois levaremos as cousas a casa.
-¿Por que non? -dixo o vello-. Entre mariñeiros.
Sentáronse na terraza. Moitos dos pescadores ríanse do vello, pero el non se amocaba. Outros, entre os máis vellos, mirába-no e poñían-se tristes. Pero nono manifestaban e referíanse cortesmente á aguación e ás fondigonadas onde tiñan botado as liñas, ao decote bo tempo i ao que viran. Os pescadores que aquel día tiveran éxito chegaran e limparan as súas agullas e levába-nas desdobradas sobre dúas táboas, dous homes cambaleándo-se á veira de cada táboa, á pescadería, onde agardaban a que o camión de lazo as levara ao mercado, á Habana. Os que tiñan pescado tabeiróns levárannos á factoría de tabeiróns, á outra banda da enseada, onde eran izados en aparellos de roldana; sacában-lle os fígados, cortában-lle as aletas i esfolábannos e mais toraban a súa carne en anacos para salga-la.
Cando o vento suflaba do leste o mal cheiro alongába-se a traveso do porto, procedente da fábrica de tabeiróns; porén hoxe non se apercibía máis ca un feble bafío porque o vento voltara ao norte e logo deixara de suflar. Era compracente estar alí, ao sol, na terraza.
-Santiago -dixo o rapaz.
-Que -dixo o vello coa cunca na mao profundaba nas cousas de había moitos anos.
-¿Pódo-lle ir percurar sardiñas pra mañá?
-Non. Vai xogar ao beisbol. Inda podo remar e Roxelio chimpará a atarraia.
-Gostariame ir. Se non podo pescar con vostede gostaríame servilo dalgún xeito.
-Pagáches-me unha cervexa -dixo o vello-. Xa es un home.
-¿Que tempo tiña cando me levou por primeira vez nunha gamela?
-Cinco anos. E a pouco máis perdes a vida cando sobín aquil peixe vivo dabondo que estivo a piques de esnaquizar a gamela. Acórdaste?
-Lembro como esbrinzaba e pegaba coletazos, e que o banco rompía-se, e o bruído dos baloucazos. Lembro que vostede chimpou-me á proa, onde estaban as liñas molladas i enroladas. E lembro que toda a gamela estarrecía-se e o estrondo que vostede armaba dándo-lle baloucazos, coma se tronzara un albre, e o pegañento cheiro a sangue que me emburullaba.

(Cando tiña 17 ou 18 anos, alá polo ano 1979 ou 1980 (antes, polo tanto, de que se publicase a normativa do galego do ano 1982), traducín para o galego as primeiras páxinas d'O vello e o mar, de Ernest Hemingway. Non era unha tradución a partir do idioma orixinal, senón a partir do castelán).

sábado, 21 de janeiro de 2012

Un conto de Nadal


Nunha entrevista en The Paris Review, William Faulkner, ao ser preguntado polos seus personaxes favoritos citou en primeiro lugar a Sarah Gamp ("unha muller cruel e desapiadada, borracha, oportunista, pouco fiable, case todo nese personaxe era malo"), que aparece na novela Martin Chuzzlewit, de Charles Dickens. E é que se houbese que destacar unha das características fundamentais de Dickens é a de ter creado persoaxes tan extremadamente bos e tan extremadamente malos que semellan irreais.
Nas súas novelas, Dickens establecía a loita entre as boas accións e as malas accións dando como resultado a victoria do ben sobre o mal, aínda que na súa última novela, O noso amigo común, a súa visión sobre o ser humano era máis ben pesimista.
N'Un conto de nadal Dickens fálanos dunha 'transición' entre actitudes egoístas e interesadas e actitudes xenerosas, é dicir, dunha 'conversión' do mal ao ben. En todo caso, Ebenezar Scrooge, o personaxe principal desta historia, malia ser moi agarrado e avarento, non parece realmente malo, senón máis ben un velliño perrenchudo e desconfiado, illado do mundo e dos afectos.
(A tradución é de Alfonso Prada)

domingo, 8 de janeiro de 2012

Isaac Díaz Pardo

Isaac Díaz Pardo, Santiago de Compostela 1920-A Coruña 2012

En Compostela está o que perdemos
e vai nacendo noutros i esto é o grande milagre
(¡UNHA LAPA LENE, UNHA CANDELEXA!)
da conciencia desta patria
conservada en pequenos corazóns
ardentes con fogo doce que non morre.

(De Con pólvora e magnolias, de X. L. Méndez Ferrín)


O día 5 deste mes de xaneiro deixounos Isaac Díaz Pardo. O día 6 foi soterrado no cemiterio de Boisaca, en Compostela, entre Antonio Fraguas e Aurelio Aguirre, moi preto de Valle-Inclán.
Aínda que Díaz Pardo xa non está físicamente, segue connosco porque persoas coma el non morren, son semente de vida e de esperanza, semente que prende e vai nacendo noutros (
i esto é o grande milagre).

Déixovos estas fermosas palabras do seu fillo, Xosé Díaz Arias, que aparecen no libro-DVD
Lembranzas e reflexións de Isaac Díaz Pardo:

O gran legado de Isaac Díaz Pardo é a actitude ante a vida. Isaac Díaz Pardo é unha persoa que vén ao mundo para cambialo, e así o fixo sempre. El non está no mundo para vivir ben, nin para ter moitas cousas, nin para presumir de posesións nun contexto social irresponsable ... Non, el é unha persoa que está no mundo para cambialo, e cambialo para ben.

Entón, as súas metas fundamentais son facer unha Galicia nova, unha Galicia distinta, unha Galicia posta no mundo.