segunda-feira, 8 de novembro de 2010

Todo o sabía Balzac

Honoré de Balzac, Tours, 1799 - París, 1850

Pois Balzac - esta é a nube de misterio impenetrable que aboia arredor da súa figura- deixou de estudar e experimentar nos seus anos de creación, deixou de observar a vida, como por exemplo Zola, quen, antes de escribir unha novela, preparaba un bordereau para cada personaxe, ou como Flaubert, que revolvía bibliotecas para escribir un libro do grosor dun dedo. Balzac, pola contra, regresaba poucas veces ao mundo situado fóra do del, permanecía fechado na súa alucinación coma nun cárcere, chantado ao potro de tortura do traballo, e o que traía canda el as veces que facía unha das súas breves excursións á realidade, cando ía rifar co seu editor ou entregar as galeradas á imprenta, ou xantar cas dun amigo, ou fuchicar nas tendas de bric-à-brac de París, era máis confirmación ca información. Pois no momento no que comezou a escribir, por algún camiño misterioso estaba enchoupado xa do saber de toda a vida, xuntado e almacenado no seu interior, e, xunto coa figura case mítica de Shakespeare, o meirande enigma da literatura universal posiblemente é saber cómo, cándo e ónde conseguiu este enorme acopio de coñecementos verbo de todas as profesións, materias, temperamentos e fenómenos. Durante tres ou catro anos de adolescencia traballou de escribinte dun avogado, despois foi editor e estudante universitario, pero nese período tivo que telo asimilado todo, esta plétora inexplicable e infinda de feitos, o coñecemento de todos os caracteres e fenómenos. Tivo que ser un observador incrible durante todos estes anos. A súa ollada tivo que enchouparse de canto vía con extrema avidez, coma un vampiro, e almacenalo nun interior, nunha memoria, na que nada volvía amarelo nin se perdía, nada se misturaba nin se corrompía, na que todo estaba ordenado, conservado, amoreado, sempre preparado e volto do lado esencial, todo armado con resortes e saltando tan pronto como el o tocaba suavemente coa súa vontade e o seu desexo.

Todo o sabía Balzac: os procesos, as batallas, as maniobras bursátiles, as especulacións de terreos, os segredos da química, os manexos dos perfumistas, as artimañas dos artistas, as discusións dos teólogos, o funcionamento dun xornal, a ilusión do teatro e a deste outro escenario, a política. Coñeceu a provincia, París e o mundo, el, o connaisseur en flânerie, lía coma nun libro nos engurrados trazos das rúas, sabía de cada casa cando foi construída, por quen e para quen, decifraba a heráldica do escudo sobre a porta, recoñecía toda unha época a partir do tipo de construción e ao mesmo tempo sabía o prezo dos alugueres, poboaba de xente cada andar, colocaba mobles nos cuartos, enchíaos dunha atmósfera de felicidade ou de infortunio e deixaba que o Destino tecese a súa invisible rede dende o primeiro ao segundo andar, do segundo ao terceiro. Tiña uns coñecimentos enciclopédicos, sabía canto valía un cadro de Palma Vecchio, canto custaba unha hectárea de terra de pastos, unha malla de encaixe, un tílburí ou un criado, coñecía a vida da xente elegante que, vexetando entre débedas, despilfarraba vinte mil francos no ano; e dúas páxinas máis adiante aparece de novo a existencia do miserable rentista, en cuxa vida, levada adiante con dificultade, un paraugas desgarrado, un vidro de ventá roto, convírtese nunha catástrofe. Unhas cantas páxinas máis e o novelista encóntrase entre os pobriños das portas, vai atrás deles, ve como gañan os seus catro sous, ve ao pobre Auvergnate, o augador, cuxo meirande desexo é non ter que arrastrar o barril, senón posuir un cabalo, pequeno; ve ao estudante e á costureira, todas esas existencias case vexetais da gran cidade. Ábrense miles de paisaxes, todos preparados para ser colocados detrás dos destinos descritos polo novelista, a formalos, e todos aparecen máis claros para el despois dun instante de contemplación que para outros despois de anos de teren vivido neles.

[Do libro Drei Meister (Balzac, Dickens, Dostoievski), de Stefan Zweig]

Sem comentários:

Enviar um comentário