sábado, 27 de novembro de 2010

Para min, Paco

Francisco Fernández del Riego, Lourenzá, 1913 - Vigo, 2010

No ano 1955, despois de máis de 15 anos sen ir a Galicia, fixen unha viaxe ás miñas terras de Láncara e Santa Comba. Logo, en tren, cheguei a Vigo. E non me atrevía a subir e chamar á porta da editora. Pasei media hora dando voltas por diante do portal sen decidirme. ¿Que ía dicir eu? ¿Como ía desturbar o traballo dos que alí estaban? Alí cobraban forma os libros que eu esperaba en Barcelona con tanta impaciencia. O que eu non sabía aínda era que Fernández del Riego, ou Salvador Lorenzada ou Cosme Barreiros, ou Adrián Soutelo, eran o mesmo home, e que alí, xenerosamente, nun esforzo que eu non podía nin maxinar, un home corrixía probas, facía paquetes, cargaba con eles para levalos ó correo, falaba cos escritores intentando convencelos para que escribisen un libro que non se lles podería pagar. Era o home do esforzo ilusionado, sen caer nunca no desalento, a peza clave daquela empresa cultural nuns tempos en que todo era arriscado. Coñecín logo, xa no 1957, outros homes de Galaxia -Piñeiro, Xaime Isla- e teño con eles todos unha débeda que nunca poderei pagar.

Foi en 1957, noutra viaxe, cando por fin decidín subir os chanzos que levaban á editora. Foi un día feliz, deses que un non esquece xamais. Por fin descubrín quen era del Riego -don Paco, para min, entón. Tiñamos cruzado xa algunhas cartas, sempre coa prudencia conveniente, non fósemos tentar a curiosidade dos censores. Eu sabía que abrían as cartas. Un día viñéronme buscar á casa dous policías e leváronme a Vía Layetana [en Barcelona], onde estaba, e aínda está, a Xefatura de Policía. Interrogoume un tal Núñez. Tiña riba do seu escritorio unha morea de cartas, de Paco, e moitas de Piñeiro. Primeiro amolecéronme facéndome esperar oito horas nun corredor estreito, sen que ninguén falase palabra comigo. Todo o interese daquel Núñez, ou de quen o mandase, porque tiña pinta de mandado, era saber os nomes dos que formaban a célula comunista (sic) que eu constituíra por orde de Piñeiro e Del Riego na Universidade e no Centro Galego. E sabían, dicía Núñez, e tíñano moi claro, que eu era o pau de palleiro do contubernio aquel. Eu, ó servicio do perigosísimo Fernández Del Riego, que continuaba imperturbable a facer paquetes de libros, a corrixir probas e a convencer ós escritores para que escribisen. Moitos libros que son hoxe clásicos da Literatura Galega debémolos á teimosía de Don Paco.

Recobro hoxe desde a distancia de moitos anos, aquela ilusión aínda non perdida. Acariñar a cuberta do libro, mesmo o paquete que me entregaban na central de Correos -tantas veces aberto pola censura. Tiven a fortuna de coñecer aqueles homes: Paco Del Riego, Piñeiro, Xaime Isla Couto, e sen eles, poida que nunca dese entendido tantas cousas que constituíron a miña vida, cousas que había que dicir de boca a orella e con medias palabras. Sen as súas cartas e a súa amizade, e o seu exemplo, a miña vida había ser moi outra e, sen dúbida, nunca tan chea de ilusión e de esperanza.

[Anaco do artigo de Basilio Losada incluído no libro de homenaxe a Francisco Fernández del Riego, publicado en 2002 pola fundación Premios da Crítica-Galicia]

Sem comentários:

Enviar um comentário