quinta-feira, 4 de novembro de 2010

O señor da casa grande de Cima de Vila


Otero Pedrayo, Ourense, 1888 - Ourense, 1976


Otero Pedrayo, nas tertulias, era algo sorprendente. Un sabio. Falaba el e todos calabamos. Era, ademais, un cabaleiro. Moi asequible, sempre buscando o saúdo pola rúa. Recordo varias anécdotas. Unha vez no cine Avenida había unha homenaxe a Curros Enríquez. El era o presidente e ocupaba o centro da mesa presidencial. O público era urbanita, da cidade, con traxe e garavata. Pero mira por onde, perdeuse por alí un paisano da aldea, coa súa roupa de pana e os seus xeitos labregos. (Daquela a sociedade era moi clasista. Cada ovella coa súa parella). O pobre labrego andaba a buscar arranxo para sentar nalgún sitio, pero non se axeitaba moi ben entre tanto señorito engaravetado. Otero Pedrayo, desde a presidencia, viuno, ergueuse, dirixiuse a el, botoulle a man polo lombo e axudoulle a buscar sitio nunha butaca. Isto vino eu. Penso que os demáis nin se fixaron.

Acábovos de copiar un anaco dunha mensaxe que me enviou Víctor Campio o 21 de setembro de 2005. Fala de Otero Pedrayo e do seu profundo humanismo. Un humanismo que é imprescindible coñecer para achegarnos á figura de Otero Pedrayo, para comprendelo a el e para comprender o que fixo por Galicia. Neste post comento que entre as cousas que Víctor Campio me deu cando lle fixen aquela primeira visita, a que tiña un maior valor emocional para min é o díptico coa oración fúnebre, lida polo franciscán padre Xosé Isorna no funeral (‘corpore insepulto’) por don Ramón Otero Pedrayo. Nese díptico dise:

“Toda persoa que ama, neste mundo, ao home e á terra, escomenza, nese intre, a facer o niño da súa vindeira gloria. DON RAMÓN, aquí, na terra, gañou dous ceos, e ganounos a pulso, á retesía, á forza de amor e con ardimento de heroica xenerosidade, de xentil cabaleirosidade.
O primeiro é o ceo dos corazóns de todos os galegos. Alí, neles, entrou pola porta da simpatía e pola virtude da sabidencia, da magnimidade, da ledicia na conversa, e tamén polo feito de querer ben a todos, de esquecer e perdoar aos envexosos –que inimigos nunca tivo-; procurando en troques falar sempre ben de todos e nunca mal de ninguén, de ser o home sempre disposto a dicir SI para toda empresa “boa e xenerosa” a favor de calquera galego. Acertou DON RAMÓN a vivir moi por enriba da política caciquil, egoísta e raposeira, e tamén a deixar de lado aos sectarismos propios dos fanáticos e dos neófitos que estrean ideoloxías alienantes que acaban sempre emprobecendo ao home e esnaquizando aos pobos”.

Noutra mensaxe, Víctor Campio ségueme a contar cousas sobre Otero Pedrayo:

Todo o que eu che poida dicir, non son máis que pequenas anécdotas que nada teñen que ver coa súa importante vida político-literaria. Pero é que eu, daquela, era un rapaz (soñeiro e poeta) que non atinguía ese difícil mundo da represión franquista. Eu "compoñía" pero non "analisaba".

Otero Pedrayo era un cabaleiro. Un nobre fidalgo nacido en Ourense e oriúndo de Trasalba, na terra dos Chaos de Amoeiro. Vivía entre Trasalba, Ourense e Santiago. En Trasalba eu visiteino unha soa vez con máis membros de "Xente Nova". Recibiunos como a familiares seus. Convidounos a un licor feito pola súa muller e recordo (moi vagamente) que nos falara, entre outras moitas cousas, da Pardo Bazán, que el coñecera de rapaz. Fixéranos un retrato dela, muller de carnes abundantes, coa súa papada (recordo esa palabra) e non sei cantas cousas máis. Pola anoitecida levounos á solaina do pazo para vermos as estrelas e deunos unha magnífica lección sobre o firmamento.

Coincidín con el algunhas veces no coche de liña, camiño de Compostela. En Lalín o coche paraba un cuarto de hora e tomabamos café nun bar. Nunca me deixou pagar, sempre se adiantaba el, aínda que eu me esforzaba por ter o honor de lle pagar alomenos algunha vez un café a tan gran señor. Pero quedeime con esa "espiña".

En Ourense, nas tertulias, vino moi pouco. El non era amigo de tertulias. (Risco, si), Polas mañáns xuntábase no bar do café Miño con Ferro Couselo, Leuter (un gran galeguista), José González Paz (Pepe do Fernando) e algúns máis, todos da súa idade.
Vivía na rúa da Paz, nun edificio no que tamén vivía Risco. En fronte vivía o Xocas (Xaquín Lorenzo) e a uns corenta ou cincueta metros, Cuevillas. Catro pesos pesados da xeración NÓS en tan curto espazo. E iso porque Blanco Amor se marchara para as Américas, senón serían cinco, xa que tamén vivía na mesma rúa.
En Santiago reuníase na sobremesa, no café Savoy, con algúns estudantes.

Cando cumpriu oitenta anos, en 1968 (creo) fixéronlle unha homenaxe en Santiago cunha misa na catedral e comida despois. Eu só asistín á misa. Predicou o meu amigo e crego Abelardo Santorum, un gran poeta e orador, que morreu sen deixar case que nada publicado.
Na comida, segundo me contou o meu amigo Augusto Valencia, seica dixo: "Case que me avergoño de ter vivido xa tanto".

Facíalles prólogos e recensións gabanciosas a tódolos que escribían en galego e llo pidían. Alguén criticouno por iso, dicindo que non tiña sentido crítico. O que non tiña era capacidade para deixar sen prólogo ou sen comentario a calquera mozo que llo pidise. Era así de bo e de xeneroso. O mesmo que Cuevillas e Ben-Cho-Shey.

Unha anécdota (que a el lle fixo moita graza): Resulta que o Orfeón invitárao a dar unha conferencia na festa de santa Cecilia. El non se negou. Nunca se negaba a falar. O Dorzán, corresponsal do "Pueblo Gallego", chamouno por teléfono para preguntarlle de que ía a conferencia. El explicoullo. Pero resulta que a última hora sentiuse indisposto e non puido dar a conferencia. Foi sustituído por outro. Pero o Dorzán, que tiña que mandar a conferencia polo coche de liña, xa a mandara. Así que ó día seguinte, no "Pueblo Gallego" saiu, con pelos e sinais, unha conferencia que Otero Pedrayo dera no Orfeón sen dala. Moito se riu. Dicía "Foi a mellor conferencia que din na miña vida".

Falábavos antes do profundo humanismo de Otero Pedrayo, e tamén vos falaba do díptico que me regalou Víctor Campio, un díptico que para min ten moito valor.
Remato este post recordando algunhas palabras dese díptico, que describen moi ben as enormes cualidades humanas de don Ramón:

“ ... e tamén polo feito de querer ben a todos, de esquecer e perdoar aos envexosos –que inimigos nunca tivo-; procurando en troques falar sempre ben de todos e nunca mal de ninguén, de ser o home sempre disposto a dicir SI para toda empresa “boa e xenerosa” a favor de calquera galego”.

1 comentário: