sábado, 27 de novembro de 2010

Francisco Fernández del Riego, por Xosé Ramón Barreiro

Francisco Fernández del Riego, Lourenzá, 1913 - Vigo, 2010


Vin a Paco Del Riego, por vez primeira, na silenciosa sala da Biblioteca Penzol. Sen coñecerme e posiblemente por investigar temas galegos acolleume con agarimo. Fixeime nel: estaba sentado mirando con atención algúns papeis, cada pouco un investigador acercábaselle para consultar algo, Paco fixaba por un momento os seus ollos nos papeis e de inmediato ía buscar un libro, unha revista, unha caixa. Entregaba o material sen perde-lo tempo e tornaba á súa lectura. Pareceume un deses catedráticos sabios que valoran o seu tempo e o dos demais. Despedinme del e novamente sentín na súa voz profunda un afecto que me conmoveu.
...
Comprobei que estaba ante un home, endexamais afastado do ideal da galeguidade, pero radicalmente independente de partidos, de grupos ou de consignas. Independente de espírito que é a forma máis nobre, aínda que a máis difícil, de vivir.
Comprobei, ademais, que é honesto e limpo. A súa honestidade está contrastada por unha traxectoria recta, fiel sempre á liberdade, á democracia e a Galicia, sen desviacións e sen apaños. Limpo, ademais, de todo interese económico e de promoción social. Sei que cando chegue a hora final a morte atoparao, como cando naceu, lixeiro de equipaxe.
Vin que era activo e tenaz. Asume as responsabilidades co vigor dos trinta anos. Está atento ás opinións dos demais, asume con determinación os avances tecnolóxicos, non deixa que apodrezan os temas, e aposta sempre pola modernidade. É agora cando entendo como, sen recursos e nun contexto hostil, foi capaz, en íntima conexión con Ramón Piñeiro, outro gran intelectual galego, de levar sobre o seu lombo e durante tantos anos a Editorial Galaxia que é tanto como leva-lo peso da cultura escrita de Galicia producindo o milagre de sementar de libros galegos as cidades, as vilas, os colexios e as escolas do país.
Paco é apaixonado polas causas nobres e este sentimento, que non esmoreceu cos anos, translócese nos seus ollos azuis que cando se anoxa énchense dun furor que, afortunadamente, é pasaxeiro.

[Anacos do artigo de Xosé Ramón Barreiro Fernández incluído no libro de homenaxe a Francisco Fernández del Riego, publicado en 2002 pola fundación Premios da Crítica-Galicia]

Sem comentários:

Enviar um comentário