sábado, 27 de novembro de 2010

Firme como un xuramento

Francisco Fernández del Riego, Lourenzá, 1913 - Vigo, 2010


Si que foi «firme como un xuramento», para empregar a expresión dun verso de Díaz Castro. Foino en todo na súa longa e frutífera vida, maiormente na súa entrega ao país, que nunca coñeceu desmaio, que sempre alimentou ilusión, que se moveu pola súa fe inmensa no porvir de Galicia e da súa lingua, unha fe que semellaba a encarnación do dito de Sören Kierkegaard de que a fe é a máis alta dimensión do ser humano. Toda a súa vida de patriota e de amigo estivo asinada por esas notas, que facían del unha persoa singular. Porque Galicia tivo sempre homes excepcionais, pero case nunca persoas que fosen quen de poñer en práctica empresas colectivas, de planificar e controlar a realidade prosaica do quefacer de cada día, de poñer en práctica o que outros -aínda que el tamén- debuxaban ou suxerían como unha idea. El facíaa realidade. Vivín con el, á súa beira, os momentos máis difíciles de Galaxia, da Fundación Penzol e da modernización da Academia. Ao menos as dúas primeiras, sen o seu esforzo, sen a súa dedicación, sen o seu empuxe movido pola ilusión e a fe, non terían hoxe ningunha realidade. Non esaxero a nota. Rexistro tan só unha realidade. E algo semellante ocorreu coa RAG. Baixo a súa presidencia incorporáronse membros electos que por diversas razóns se negaban a ler os seus discursos de ingreso -eu entre eles. Foinos convencendo a todos para que nos fósemos incorporando, e baixo a súa presidencia nunca se deron frivolidades (e aínda aldraxes á cultura galega) nos nomeamentos nin nas honras anuais da Academia a figuras das nosas letras. Foi un privilexio para min sermos amigos, vivir con el día a día as súas angustias económicas polos proxectos en camiño, o que el estimaba desleixo ou despreocupación dos demais compañeiros de equipo, que non querían saber de cousas prácticas, e sentir cada día os latexos da súa forza organizadora, da súa fe e da súa dedicación a este país, sempre firme como un xuramento.

[Artigo de Xosé Luis Franco Grande, publicado en La Voz de Galicia o 27 de novembro de 2010, un día despois do pasamento de Del Riego]

Sem comentários:

Enviar um comentário