quinta-feira, 25 de novembro de 2010

Da medida das cousas


Ti dis: Galicia é ben pequena. Eu dígoche: Galicia é un mundo. Cada terra é como si fora o mundo inteiro. Poderala andar en pouco tempo do Norte pra o Sul, do Este pra o Oeste noutro tanto; poderala volver andar outra vez e máis; nona has dar andado. E de cada vez que a andes, has atopar cousas novas e outras has botar de menos. Pode ela ser pequena en extensión; en fondura, en entidade, é tan grande como queiras, e dende logo, moito meirande de como ti a ves. ¿Non din os filósofos que o home é o "microcosmos", o compendio, o resume do universo todo? Pra canto máis unha terra con tódolos homes que nela viven, un pobo, que, se cadra, é unha sorte de Adam Kadmon ... Do grandor do teu esprito depende todo; canto máis pequeno sexa, máis terra precisará. Si o teu pensar é fondo, a túa terra, pra ti, non terá cabo, nela estará o mundo con tódolos seus climas. Si o teu pensar se detén na codia das cousas, non digas tampouco: Galicia é ben pequena: es ti, que endexamais poderás concebir nada grande.

[Texto tomado de Leria, de Vicente Risco]

Sem comentários:

Enviar um comentário