quarta-feira, 3 de novembro de 2010

Castañas



Abadenga, de castiñeiro abadengo.

Alosendra, de castiñeiro alosendro, castaña de pel fina, brillante e de boa madeira.

Branca, de castiñeiro branco e castaña pequena, apertada e alongada do cu, boa e saborosa.

Brava, de castiñeiro bravo ou silvestre.

Loura, de castiñeiro louro e castaña dourada escura.

Negraíña, de castiñeiro negraíño, ou variedade de castaña escura.

Rodela ou castaña redonda, pequena, mala de sacudir, de forma de abelaira, aínda que máis grandeira, que madurece despois das outras e que se conserva mellor.

Tarabelá, de castiñeiro tarabelao, ou castaña de casca reverdella e mais estortada ou esmagada, alongada e estreita da base do que as outras e que madurece máis axiña do que a abadenga.

Verdía ou verdella, de castiñeiro verdío, ou verdello, é unha castaña nacha, estortada, esmagada ou apertada, curta e máis alongada do cu que a branca, serodia e má. Algunha vez ouvinlle chamar ás castañas verdías mandesas.

Vermella, de castiñeiro vermello.

Vilafranquiña, de castiñeiro procedente de Villafranca; é unha castaña pequeneira, de casca de cor verdello e que se conserva ben.

[Estas son as clases de castañas segundo o castiñeiro que as dá, tal e como aparece comentado no libro: Vocabulario do Concello de Paradela (Lugo), de Manuel-Ramiro Pallares López. Servicio Publicacións Deputación Provincial Lugo, na pax. 123]

Sem comentários:

Enviar um comentário