sexta-feira, 29 de outubro de 2010

Fraseoloxía de Roca (Guitiriz - Lugo)


Neste enlace podedes ver o vídeo de BEN FALADO (é moi curtiño, védelo nun chiscar de ollos) no que Isabel Campo, a informante, comenta as seguintes expresións:

-Non vale as orellas dun can cheo de auga.
Non vale nada, unha cousa que non ten importancia

-Ter máis língua que a vaca rabo.
Dise dunha persoa que é moi faladora ["O rabo da vaca é bastante largo, pra que a lengua seña igual ca o rabo, xa fai falta ter língua ..."]

-Toma, que non quero deber a pobres.
Expresión que se di en plan despectivo: "Toma, que non me interesa, aí che vai, non quero deber a pobres", sen ser un insulto hacia a persoa

-Chegoume co pan quente.
Chegoume con aquela cousa que eu non contaba. "Toma, aí tes esto"

-Para o pobre sempre é noite.
O pobre non ten tantas oportunidades coma os ricos

-Baixar de bispo a cociñeiro.
Dise dunha persoa que antes estaba aló, nun cargo moi alto, e polo que seña baixou pa abaixo, baixou do poleiro

-Vas busca-la manteiga ó fuciño do gato.
Vas buscar a cousa a onde non a podes coller

-Estás aí, tan tranquilo, sabes que tes que ir pro avión, e chámaste da túa terra.
Chamarse un da súa terra é "ser persoa tranquila, que toma todo con calma, que non se altera por nada"

E ao final do capítulo, Xesús Ferro Ruibal repara no dito, que lle impresiona moito, "Para o pobre sempre é noite", moi fermoso e que transmite moito.
Como di Xesús Ferro, é coma se na vida o mal se concentra nunhas persoas e o ben se concentra noutras, de aí outra expresión coma: "Corre o ouro pra o tesouro" (os cartos van a quen xa ten moitos).
En cambio: "Detrás do pobre, sempre anda o demo coa fouce amolada" (afiada).

Sem comentários:

Enviar um comentário