quinta-feira, 2 de setembro de 2010

Un artista, un namorado apaixonado do seu traballo

Антон Павлович Чехов (1860 – 1904).


Un día convidoume á aldea de Kuchuk-koy, onde posuía unha pequena parcela e unha casiña de dous andares pintada de branco. Alí, mentres me amosaba os seus "dominios", comentou animado:

-Se tivese moitos cartos, había instalar aquí un sanatorio para os mestres de escola doentes. Xa sabe, faría construír un edificio luminoso, moi luminoso, de grandes ventás e teitos altos. Disporía dunha fermosa biblioteca, varios instrumentos musicais, enxamios, unha horta e un xardín; poderíanse ofrecer cursiños de agronomía, metereoloxía; ¡un mestre rural precisa saber de todo, meu amigo, de todo!

De súpeto calou, tusiu, mirou para min de esguello e sorriu con aquel sorriso doce e amable que o facía tan irresistiblemente atractivo e que espertaba unha especial atención cara ao que dicía.

-¿Aborrécenlle as miñas fantasías? A min encántame falar sobre iso. ¡Se soubese vostede ata que punto precisa o campo ruso de bos mestres, intelixentes e cultos! É preciso dotalos dunhas condicións especiais, e habería que facelo o máis rápido posible, teñamos en conta que sen unha ampla educación do pobo, o estado hase derrubar igual ca unha casa construída con tixolos mal cocidos. O mestre ha de ser un artista, un namorado apaixonado do seu traballo, mentres que os nosos mestres son uns pións, uns homes de escasos estudos que veñen ao campo a aprenderlles aos rapaces coa mesma gana que habían sentir se fosen camiño do exilio. Esfameados, humillados, aterrorizados polo temor a perder o seu único medio de subsistencia. Pola contra, o mestre debería ser unha persoa principal na aldea, que soubese contestar a calquera pregunta dos labregos, que os veciños recoñecesen a súa virtude, digna de atención e de respecto, e que ninguén se atrevese a sermonealo ou a humillalo tal e como agora fai todo o mundo: o axente de policía, o tendeiro rico, o pope, o comisario local, o encarregado do mantemento da escola, o alcalde e ese funcionario que, malia o seu cargo de inspector escolar, en vez de tratar de mellorar a organización da educación, soamente se preocupa de executar as circulares que lle chegan dende a administración. É absurdo pagar unha miseria á persoa destinada a educar ao pobo -¿compréndeme?- ¡educar ao pobo!


[Texto extraído dunhas memorias de Gorki nas que fala de Antón Pávlovich Chejov, neste caso, trátase dunha conversa na que Chejov destacaba a enorme importancia que ten a educación no futuro das sociedades]

Sem comentários:

Enviar um comentário