segunda-feira, 23 de agosto de 2010

Estremonías

"As palabras cultas que se empregan nunha língua nun nivel superior de linguaxe poden pasar moitas veces a ser de dominio popular e a formar parte do tesouro léxico do pobo.
Coido que son moitos os que coñecen e empregan a miúdo a seguinte frase: deixa de facer estremonías, dirixida a un cativo que ou ben está facendo algunha trasnada ou ben berrando acompañándose de xestos aparatosos.
Estremonías é unha palabra popular que xa non recorda a súa base etimolóxica: a verba astronomía. Esta última voz que hoxe consideramos como palabra culta para representa-la ciencia que estudia os astros chegou a ser usada na Idade Media polo pobo do mesmo xeito que coñece e escoita hoxe voces como astronáutica ou astroloxía, pero transformou o comezo desta forma dicindo estronomía e posteriormente permutou as consoantes m e n. De aí que teñámo-la forma popular estremonía escrita incluso así á maneira vulgar en moitos textos medievais galegos.
Despois aconteceu que a figura dos “astrónomos” facendo sinos de admiración ante a contemplación da natureza celeste fixo que as estremonías quedasen convertidas non nas observacións dos astros, senón nas xesticulacións que facían os sabios.
Por iso non podemos reintegra-lo medievalismo estremonía no canto de astronomía, porque a palabra evolucionada popularmente combiou tamén de significado. Deixémonos pois de estremonías e respetémo-la linguaxe culta de hoxe. As estremonías de hoxe teñen xa pouco que ver coas astronomías etimolóxicas. As palabras van modificando ó longo dos tempos non só o seu corpo fonético senón tamén a súa relación coas cousas ou coas ideas que representan."

Texto pertencente ao apartado DEIXÉMONOS DE ESTREMONÍAS do libro Cousas da língua 1989 de Constantino García publicado na Biblioteca Gallega. Serie Nova.

Sem comentários:

Enviar um comentário