terça-feira, 24 de agosto de 2010

A carta socrática

Mais se tivese que concretar nun só exemplo a miña modesta teoría da carta en Ramón Piñeiro, eu escollería sen dubidalo a que escribira a Celestino Fernández de la Vega o 27 de abril de 1960.
Alí don Ramón trata de que o seu amigo remonte o estado depresivo no que vive, por mor da anguria que a mediocridade do ambiente lle produce. E para iso vai levando ao deprimido, como en conversa, dun razoamento a outro para producir nel a reacción positiva da verdade. Comeza cunha afirmación do meirande interese para nós: “Ti sabes moi ben que a necedade ambiental andivo sempre inseparablemente unida á vida cultural máis pura e valiosa. ¡Ou, se Socrates, ou Cervantes, ou Kant nos contaran as súas íntimas experiencias co ambiente! Mais eu coido que unha das máis radicais esixencias éticas da cultura é mesmamente a loita eficaz contra a necedade ambiental”. Axiña, Piñeiro chega a formular nidiamente a súa mensaxe: “O solipsismo espiritual é un grave pecado contra a cultura”, non é de recibo illarse e non loitar creativamente contra as facticidades limitadoras dos demais. O carácter socrático da súa misiva brilla xa no momento da despedida epistolar: "Confío en que non tomarás a mal a claridade con que che falo, que está dictada, e ti ben o sabes, pola sinceridade amistosa. Todo o que che digo sae do máis íntimo da miña conciencia. Creo honradamente que responde á verdade”.

Esta carta está extraída do número 146 de Grial, dun artigo de Darío Villanueva titulado: A carta socrática de Ramón Piñeiro. Nela comprobamos como Ramón Piñeiro fai por ilusionar e por dar ánimos non soamente aos rapaces (como vimos na carta a Xosé Luis Allué) senón tamén a xente do seu tempo.

En máis dunha ocasión faleivos do impresionante e duro que foi o labor de Ramón Piñeiro, e tamén comentei que o paso do tempo ten (entre outros) o efecto perverso de que non apreciemos na súa verdadeira dimensión ese esforzo, realmente heroico.
Porque o certo é que as circunstancias nas que se desenvolveu
Galaxia (nunha ditadura e dirixíndose a unha sociedade cuxas clases medias, altas, e mesmo unha parte das baixas, consideraban ao galego como un signo de incultura), nesas circunstancias, digo, o máis normal é que calquera que se enfrontase a ese esforzo se derrubase, que acabase por renderse, que admitise que era inútil, que lles sería imposible introducir cambios significativos na sociedade na que vivían.
O que está claro é que se ese esforzo se levou adiante foi porque os protagonistas eran xente cunhas condicións realmente especiais (cun amor enorme a Galicia e unha fortaleza psicolóxica asombrosa), como é o caso de Ramón Piñeiro.
Xustamente nesta carta vémolo dándolle ánimos a Celestino Fernández de la Vega nun momento no que, ante a dureza da situación á que se enfrontaban, Celestino se deixara vencer pola depresión. Ramón Piñeiro guíao, a través de razoamentos, co obxectivo de axudarlle a superar a frustración reiterada que lle produce “a necedade ambiental”, é dicir, o entorno, as circustancias que, como xa comentei, eran tremendamente duras.


Non é esa a única carta que mandou Ramón Piñeiro dando ánimos, facendo por manter acesa a ilusión e intentando que os compañeiros non se derrubasen.

Hai unha (que a min me impresionou moitísimo) que lle enviou a
Otero Pedrayo e que recolle Alonso Montero na páxina 199 do libro Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega. Esa carta axúdanos a comprender o duros que foron aqueles anos de posguerra e o labor, realmente heroico, de Ramón Piñeiro.

Sem comentários:

Enviar um comentário