quinta-feira, 29 de julho de 2010

O nacemento dun escritor (1877)


Aos homes acostúmanos ocorrer unha cousa moi particular. Nekrásov e mais eu apenas nos vimos nalgunha ocasión. Teriamos as nosas discrepancias, pero unha vez sucedeunos algo que eu nunca puiden esquecer.

Naquel tempo (¡hai xa trinta anos!) ocorreu algo tan xuvenil, lozano e bo, unha desas cousas que no corazón dos interesados perdura indeleblemente. Tiñamos daquela pouco máis de vinte anos. Vivía eu en Petersburgo e había un ano que presentara a miña dimisión ao meu posto de enxeñeiro, sen saber por qué, tendo diante miña o máis vago e incerto porvir. Era en maio do ano corenta e cinco. No comezo do inverno puxérame, de súpeto, a escribir a miña novela Pobres xentes, a miña primeira obra, pois ata entón non escribira nada. Rematado o meu traballo, non sabía que facer con el nin a quen ofrecerllo, non sendo, como moito, a D. V. Grigórovich, que tampouco non escribira nada aínda, non sendo un breve boceto, Gaiteiros petersburgueses, que se publicou nun almanaque.
...

[Grivórovich propúxome levarllo a Nekrásov, díxome:]
-Nekrásov pensa editar o vindeiro ano unha recopilación; heillo ensinar.
... A Belinski lérao un par de anos antes, con deleite, pero parecíame gruñón e terrible, e ... "hase burlar do meu Pobres xentes", pensaba. Pero soamente o pensaba durante uns momentos, porque o escribira con paixón, case con bágoas. "¿Iría resultar agora que todo iso, todas aquelas horas que eu pasei, a pluma na man, escribindo a novela, era realmente mentira, fantasía, falso sentimento?". Así pensaba eu, naturalmente, só duramente uns momentos, pois a desconfianza e a dúbida estaban sempre axexando. A noite do día en que deixei alí o meu manuscrito fun ver a un antigo camarada, que vivía moi lonxe; botamos toda a noite falando de Almas mortas, de Gogol, e limos ese libro, por enésima vez. Naquel tempo, iso era frecuente entre os mozos: así como se xuntaban dous ou tres, algún non tardaba en propoñer: "¿Queren vostedes que leamos algo de Gogol, señores?", e, efectivamente, poñíanse a lelo e así botaban a noite enteira. Había noutrora moitos, moitísimos mozos que semellaban penetrados dalgunha cousa e como se agardasen algo. As catro eran cando volvía para a casa, as catro dunha noite branca, case tan clara coma o día.

Ía un tempo extraordinariamente caloroso, e cando entrei na casa non me deitei, senón que abrín a ventá e sentei ao carón. De súpeto escoito a campaíña da porta, sentindo non pouco abraio. Pero deseguida entran no cuarto Gregórovich e Nekrásov, bótanseme enriba, e abrázanme con verdadeiro entusiasmo, e pouco faltou para que ambos os dous botasen a chorar. Aquela noite recolleran o meu manuscrito e comezaran a lelo, para ver de que trataba. "Abondará con ler dez liñas". Pero, despois de ler as dez liñas, decidiron continuar lendo, e así seguiron, xa sen interrupción, toda a noite, ata o abrente, en voz alta e relevándose mútuamente cando cansaban. "Tocoulle a el ler o da morte do estudante -contoume despois Grigórovich, cando quedamos sós-, e ao chegar ao momento no que o pai vai correndo atrás do coche fúnebre do fillo, reparo en que a Nekrásov lle trema a voz, unha, dúas veces, e de súpeto non pode conterse e bate coa man no manuscrito. "¡Ah, que home!" Referíase a vostede; e así transcurriu toda a noite. Despois de que rematásemos a lectura, de común acordo, decidimos vir a buscalo a vostede. '¿Que importa que estea a durmir?' Habémolo espertar. ¡Isto vale máis ca o sono!"

Nekrásov levoulle o manuscrito aquel mesmo día a Belinski.
-¡Apareceu un novo Gogol! -exclamou Nekrásov ao entrar co meu Pobres xentes en casa de Belinski.
-A vostedes agrómanlles os Gogoles coma os cogomelos -observou Belinski en ton severo, pero colleu o manuscrito.
Cando Nekrásov volveu por alí aquela noite, recibiuno Belinski moi emocionado:
-¡Tráiamo vostede, tráiamo vostede deseguida!

Así que me levaron á súa casa (era xa o terceiro día) ... [Belinski] Comezou a falar con exaltación e botando lume polos ollos: "Pero ¿comprende vostede mesmo -repitiu varias veces, segundo o seu costume de falar a saltos- o que escribiu vostede?" (Berraba sempre daquel xeito cando estaba dominado por un sentimento enérxico). "Soamente co seu instinto inmediato, soamente como artista, puido vostede escribir iso; pero ¿puido vostede abranguer tamén coa razón toda a terrible verdade que nos denuncia? Non é posible que vostede, cos seus vinte anos, o comprenda. Ese infeliz funcionario que vostede nos pinta chegou a un límite por efecto do contino servizo; acabou por encontrarse na situación de non atreverse a considerarse infeliz por mera submisión, e a máis leve queixa antóxaselle cousa de librepensamento, iso é, nin sequera se atreve a crerse con dereito a sentirse infeliz; e cando un bo home, aquel xeneral, lle dá aqueles cen rublos, queda desfeito, anonadado de abraio de que un home coma aquel, A Vosa Excelencia, non A Súa Exceclencia, senón A Vosa Excelencia, como el di, puidese compadecerse da súa humilde persoa. ¡E aquel botón que lle cae, no momento en que lle bica a man ao xeneral, xa non é piedade o que inspira ese infeliz, senón horror, horror! ¡Xustamente nesa gratitude reside todo o espanto! ¡É unha traxedia! ¡Vostede chegou aquí ao miolo do asunto! Nós, publicistas e críticos, non facemos máis ca desvelarnos por expresar iso con palabras; pero vostedes os artistas, dun só trazo, resaltan palpablemente a esencia mesma da cousa, de maneira que semella que pode tocarse coa man, e mesmo o lector menos avezado, compréndeo deseguida. ¡Tal é o segredo do arte, tal é a verdade do arte! ¡A vostede se lle revelou a verdade, como o artista que é; chegou ao mundo con ese don; aprecie vostede ese don debidamente, séxalle fiel, e chegará a ser un gran artista!"

Todo iso me dixo entón. Todo iso lles dixo tamén despois, falando de min, a outros moitos que aínda viven e poden dar testemuña. Separeime del, encantado. Detívenme na esquina da súa casa, contemplei o ceo claro, o día radiante, a xente que pasaba, e sentín plenamente, con todo o meu ser, que na miña vida xurdira un instante solemne, un cambio para sempre; que algo novo empezara, pero algo que nin nos meus máis fogosos soños me atrevería a imaxinar. (E iso que daquela eu era un soñador tremendo).
...

Todo iso pensei entón. Lembro aquel instante coa maior claridade. E nunca o puiden esquecer. Foi o instante máis embriagador de toda a miña vida. Cando estaba nos presidios de Siberia e recordaba ese momento, erguíaseme novamente o espírito.


["Diario dun escritor", Dostoievsi. Ed. longseller. Pax. 141]

Sem comentários:

Enviar um comentário