quarta-feira, 21 de abril de 2010

Unha loita contra a morte de Galicia

Rianxo, 30 de xaneiro 1886 - Bos Aires, 7 de xaneiro de 1950


Fixenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade.

¿Como lle chamariamos a un home que consentise o derrubamento do Pórtico da Groria? Pois é certamente máis bárbaro quen deixa morrer o idioma, obra de arte insuperable, feita con amor, con door e con ledicia polos nosos antergos, que recibimos en herdo e que temos a obriga de enriquecer co esprito do noso tempo.

Debuxei sempre en galego; escribín sempre en galego; e se tirades o que hai de galego e de humano na miña obra, non ficaría nada dela.


Das cualidades de Castelao como persoa é do que vos quero falar neste post, unhas cualidades que nos axudan a comprender a súa vida dedicada á causa de Galicia.
Na páxina 22 do libro A miña amizade con Castelao, Otero Pedrayo relátanos unha anécdota da época en que Castelao estudaba medicina na universidade:

Despois viviu na rúa do Castro ... Alí estaba con outros estudantes, e claro, naquela época había unha patrona, cunha gran chave que pechaba a porta e non se podía saír, e Castelao gatuñaba pola fachada e ía buscar viño para os compañeiros, para el non, porque Castelao foi un home que viviu sempre dunha maneira case ascética, sen regra, nin pola comida se preocupaba ...
A súa pasión era a conversa, porque lle gustaba acender nos demais como unha especie de caridade para que se manifestase o lucimento do seu espírito, que fervan os homes calados, os homes tristes, quería acender ao redor de si un lume de simpatía, un lume de ardor, por iso sempre ría, e esa risada era unha risa leda, era unha risa semellante a ese primeiro vento de primavera que se vai deslizando e que vai apañando e sementando sons agradables sobre as vastas outeiras ...


E un pouco máis adiante, na páxina 27 dese mesmo libro, Otero Pedrayo dinos:

Non lle gustaba toda forma de negación do amor. Porque Castelao foi todo amor. Por iso observaredes que as súas máis duras, os seus máis acedos debuxos, están contra os mantidos; os mantidos chámanlle en Ourense aos homes de aldea, ou non de aldea, que casan con mestras para que os manteñan, ou aqueles que casan con mulleres ricas para que os manteñan tamén.

Castelao é unha persoa admirable, única. Pola súa sensibilidade e polo seu compromiso político con Galicia. Pero tamén pola súa enorme bondade.
Na páxina 51 dese mesmo libro (A miña amizade con Castelao), Otero Pedrayo sigue falándonos de Castelao, da súa maneira de ser:

El sempre dicía de calquera:
-Mira, ao mellor éche bo.
Incluso dun cacique, e sobre todo cando o home ou a muller chegaban a grande idade, entón para el os vellos, aínda que fosen malos, eran uns anxos; por iso hai tan conmovedores exemplos de amor ‘conyugal’, velliños que se engañan por ocultar os estragos da idade, e por iso hai cousas tan fermosas nos debuxos de Castelao sobre os vellos.

Esa sensibilidade cara aos vellos e á xente que sufre ...
Teresa, unha das irmás de Castelao, na páxina 153 de Castelao e os irmáns da liberdade de Xan Leira, dinos:

Así como recoñecen del a arte que tiña, como artista e todo iso, quero que recoñezan a súa bondade, que para min era a virtude máis grande que tiña, a de ser bo.
Era, sen dúbida, o mellor valor que tiña, para min e para todos, a bondade ... El dicía: que non había ninguén tan malo que non tivese algo bo, e ninguén tan bo que non tivese algo malo. Téñollo oído dicir moitas veces.


Buscar a parte boa que todos levamos dentro ... en fin, non teño palabras. Recoñecer que, como seres humanos que somos, todos podemos cometer erros, todos podemos facer dano aos demais.

Cópiovos dous anacos máis que mostran a faceta humana de Castelao. Xosé Neira Vilas, en Crónicas galegas de América (Rolda primeira), na páxina 127, no capítulo: "Basilio Álvarez en Nova Iork", fálanos da morte de Basilio Álvarez no Hospital Español de Tampa no ano 1943, e sigue contando:

Pero no seu longo e penoso exilio estivera tamén en Nova Iork, onde coincidiu con Castelao en 1940. Víanse cada noite na casa de Galicia. Con eles tamén estaba: Francisco Marcos Raña, outro exiliado (do Carballiño, que fora oficial de complemento do exército republicano).
Contoume Marcos que mentres Castelao sobrelevaba como podía o amargo contratempo da perda da guerra, e tecía soños de futuro para o seu país galego, Basilio era un home vencido, derrotado polas circunstancias e coa saúde en creba:
-O seu sistema nervioso estaba destrozado e choraba por calquera cousa.
Naquelas horas de lecer disque xogaban ao dominó e procuraban non ‘aforcarlle’ a Basilio o nove dobre. Pero, ás veces, distraídos, aforcábanllo e el rompía a chorar.
-Basilio ..., ¡Ai, Basilio, caracho! –terciaba Castelao, consolándoo-. Escoita, Basilio (e Castelao botábase a cantarlle unhas coplas tan picantes que Basilio trocaba o pranto en risa. Ría a cachón).

Tales eran os días en Nova Iork –os penúltimos da súa existencia- de Basilio Álvarez, o gran batallador agrarista, o fundador de Acción Gallega.

Cópiovos unha última anécdota, na que podedes ver a enteireza de Castelao en momentos moi difíciles para el. Manuel Rivas en O blog de Rumbar no número 1147 d’A Nosa Terra (21 ao 27 de outubro de 2004) dinos o seguinte:

«Contra a morte. O Oftalmólogo Manuel Sánchez Salorio, sabio da vista e do profundar, achégame a un texto para min descoñecido sobre Castelao. É a crónica dos seus derradeiros días en Bos aires, escrita por Victoria Armesto. Outra cambra, ao lela, no músculo dos circos concéntricos. Nos seus mellores intres, esa muller narra con electro-termia e, como se dicía no campo da festa das boas orquestras, qué ben ameniza. Velaí un Castelao en loita contra a doenza que é quen de retrucar a un brután que lle aconsella ir morrer onde naceu: “A Galiza quero ir virir, non a morrer”. Un Castelao que cando o trasladan para unha operación final, a da lobotomía (“a sección do lóbulo central do cerebro para evitar a conciencia da dor”), aínda vai facer rir ao afundido Rodolfo Prada, pois bótase a cantar o retrouso de La verbena de la paloma, imitando o paso chulo de don Hilarión: una morena y una rubia/hijas del pueblo de Madrid ...
Á parte do anecdotario deses días finais, toda a obra de Castelao pode verse como unha loita contra a morte. Contra morte de Galicia e contra a derrota da Humanidade. Loitar pola xustiza e a liberadade era o seu xeito, a mellor maneira, de ser patriota e cidadán do mundo.

Unha loita contra a morte de Galicia.

Palabras cheas de forza estas do blog de Rumbar de Manuel Rivas, unhas palabra vibrantes, verdadeiras, intensas, unhas palabras coas que hoxe remato este post.

Sem comentários:

Enviar um comentário