terça-feira, 2 de fevereiro de 2010

O Labirinto Ario


Nove días despois da súa saída do castelo do rei Artur, "Galaaz, o Esperado", un dos cabaleiros da Táboa Redonda, chegou ao cumio do Cebreiro. E aí encontrou, sobre a ara dun altar, brillando cunha gran intensidade, o caliz do Santo Grial.
É desta maneira como Carré Alvarellos nos relata a lenda do Santo Grial. O que non nos conta é que pasou despois con ese cáliz ...
Algúns hanvos asegurar que está na antiga República de Hatay, hoxe pertencente a Turquía (e poida que mesmo porfíen convosco en que foi Indiana Jones quen impediu que os nazis se fixesen con el); outros diranvos que está en Alemania, ou en Bretaña, ou ...
Pero ... ¿seguro que os nazis non se fixeron con el? Eu, a verdade, non o tería tan claro. Porque, certamente, hai outra posibilidade (unha posibilidade con fundamento, unha posibilidade nada desdeñable) e é que o caliz, aínda que despois desa visita de "Galaaz, o Esperado" ninguén soubo do seu paradoiro, continuase nesa zona, seguise no Cebreiro e que algúns nazis (despois da derrota na II Segunda Guerra Mundial) viñesen na súa busca para faceren realidade o seu delirio de crear unha raza aria pura.
O que vos quero dicir é que existe a posibilidade de que as cousas non fosen tal e como nolas contan as películas hollywoodienses, e mesmo pode que non acontecesen en paraxes afastados, senón moi pretiño de nós, no pazo de Tor (situado na Terra de Lemos), nas súas salas, nos seus xardíns laberínticos, nos seus arredores.
Poida que, en realidade, os feitos acontecesen tal e como se nos conta na curta "O Labirinto Ario", producida por Chantada Films e Chantada Comunicación e dirixida por Alfredo Pardo sobre un guión de Ana Belén Diz, unha curta candidata nos premios Mestre Mateo.
¡Boa sorte a todos e noraboa polo traballo feito!